Saturday 04 de May de 2024

A EGAP destaca a mediación como alternativa para resolver conflitos entre a cidadanía e as administracións públicas


A Escola Galega de Administración Pública reuniu a máis de 200 asistentes nunha xornada na que numerosos expertos analizaron as posibilidades deste recurso

A Escola Galega de Administración Pública reuniu a máis de 200 asistentes nunha xornada na que numerosos expertos analizaron as posibilidades da mediación nas relacións entre a cidadanía e as administracións públicas.

O obxectivo principal deste encontro é espertar o interese por unha forma diferente de resolver os conflitos, alternativa e complementaria á vía xudicial. Así, a mediación enténdese como un instrumento áxil e eficaz a través de instancias non xudiciais e neutrais que propoñan entre as partes un acordo voluntario coa finalidade de rematar co conflito e evitar o litixio xudicial.

Á inauguración asistiron Sonia Rodríguez-Campos, directora da EGAP; Julio Díaz Casales, director académico da xornada e maxistrado da Sala do Contencioso-Administrativo do TSX de Galicia; e José María Gómez y Díaz-Castroverde, presidente da Sala do Contencioso-Administrativo do TSX de Galicia.

No transcurso deste acto, a directora da Escola destacou a importancia desta xornada por contribuír a que a xustiza se adapte ás transformacións do contorno, “achegando novos enfoques xudiciais que incorporen vías alternativas para a resolución de conflitos”.

Ademais, Sonia Rodríguez-Campos incidiu na necesidade de que o maior número posible de operadores xurídicos tomen conciencia de que a mediación resulta unha vía real e efectiva para chegar a acordos entre a Administración pública e a cidadanía e que á súa vez ten a vantaxe engadida de permitir descargar de traballo aos xulgados.

Posibilidades presentes e futuras da mediación
O primeiro dos relatorios correu a cargo de Concepción García Vicario, maxistrada presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do TSX de Castela-León, no que ofreceu unha visión xeral do marco legal actual da mediación no ámbito contencioso-administrativo.

Na súa intervención, resaltou as vantaxes desta institución ao ser “un proceso voluntario, flexible, de baixo custo, que favorece a comunicación, evita tensións e fai que acordo sexa máis fácil de cumprir por ser un consenso entre as partes”. Ademais, quixo destacar que esta alternativa non implica “unha externalización da Administración de xustiza senón que implica unha complementariedade”.

Esta xornada continuará coa intervención de numerosos expertos que profundarán neste instrumento de resolución de conflitos e que analizarán a súa viabilidade no eido da Administración pública.

Impulso á mediación
A Xunta de Galicia ten un firme compromiso co impulso da mediación. No ano 2009 as consellerías de Presidencia e de Traballo e Benestar puxeron en marcha un programa de mediación familiar intraxudicial nos xulgados de Santiago, que cos anos demostrou moi bos resultados e se estendeu a Ourense, Lugo, Vigo e Pontevedra.

O obxectivo desta medida é impulsar a resolución dos conflitos familiares pola vía do diálogo e do consenso, unha labor na que a Xunta colabora co Poder Xudicial, a Fiscalía e os Colexios de Avogados e de Psicoloxía de Galicia. Este tipo de mediación favorece a resolución de conflitos de xeito rápido e económico, ao tempo que aforra custes emocionais, un aspecto especialmente importante nos casos de rupturas familiares con fillos menores.

Con ese mesmo espírito de colaboración o Goberno galego está a afrontar a implantación de mecanismos de mediación noutras xurisdicións. Así, por exemplo, na penal estase traballando xa en Ourense co Colexio de Avogados e iniciouse agora outro proxecto en Santiago de Compostela grazas a unha colaboración coa Universidade.

Ademais, o ano pasado asinamos un protocolo co Consello Galego de Cámaras de Comercio en prol da mediación civil e mercantil e hoxe mesmo o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou outro acordo co Consello Galego de Procuradores para o mesmo fin.